Novas: Xeral
Estás aquí: Inicio \ Novas \ Xeral
Reunión de traballo coa conselleira de Economía e Industria.

Reunión de traballo coa conselleira de Economía e Industria.

08 xullo, 2025 Xeral

A reunión tivo lugar nas instalacións do Centro de Promoción Económica e nela tamén participaron a directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial da Xunta de Galicia, representantes do Concello e da Comunidade de Propietarios do Polígono.

A conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, María Jesús Lorenzana, visitou o noso polígono para manter unha reunión de traballo coa Comunidade de Propietarios. O encontro celebrouse no Centro de Promoción Económica e contou coa presenza do alcalde, Evencio Ferrero, así como da directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, e da delegada territorial da Xunta, Belén do Campo. Tamén asistiron representantes de Axober e da Asociación de Empresarios do Polígono da Tella.

Durante a reunión, a conselleira expuxo o calendario previsto para a ampliación do polígono, reafirmando o compromiso de que as obras estean finalizadas en 2028. Segundo se detallou:

  • No 2025 prevese a aprobación definitiva do PEOSE e a redacción e aprobación dos proxectos de urbanización e expropiación.
  • No 2026 levaranse a cabo as expropiacións.
  • Entre 2027 e 2028 executarase a obra.

Por parte da Comunidade de Propietarios presentouse un estudo recente sobre a demanda de solo empresarial por parte das empresas do propio polígono, que revela unha necesidade de 82.100 metros cadrados. Destacouse, ademais, que algunhas empresas xa amosan urxencia na adquisición de solo.

En relación con esta cuestión, a directora xeral informou sobre a existencia de novos instrumentos urbanísticos que permiten compatibilizar a construción das naves coas obras de urbanización. Isto abre a posibilidade de que as empresas interesadas non teñan que agardar ata 2028 para iniciar os seus proxectos, xa que poderían adquirir o solo con antelación e ter as súas instalacións operativas ese mesmo ano.

Así mesmo, a directora xeral presentou as bases dunha nova liña de axudas destinada a mellorar a seguridade nos polígonos e áreas empresariais. Estas axudas están dirixidas ás entidades xestoras dos parques empresariais e poderán ser solicitadas proximamente.

Desde a Comunidade de Propietarios valoramos moi positivamente a visita da conselleira, que reforza o papel estratéxico que o noso polígono está a desempeñar no tecido empresarial galego. Agradecemos os compromisos asumidos respecto á ampliación e reiteramos a nosa total disposición para acompañar e asesorar ás empresas interesadas na adquisición de novo solo, co obxectivo de facilitar os trámites e reducir ao mínimo os prazos de dispoñibilidade.

Adxuntos:
Outras novas

Todas as noticias relacionadas co Polígono de Carballo ou que poidan ser de interese para as empresas que o compoñen.