Novas: Xeral
Estás aquí: Inicio \ Novas \ Xeral
Un carballés á fronte da Federación Galega de Parques Empresariais.

Un carballés á fronte da Federación Galega de Parques Empresariais.

16 maio, 2025 Xeral

Desde o pasado 30 de abril, José Ángel Vázquez Berdiñas é o novo presidente de FEGAPE. José Ángel é o director de Metalúrgica BB e, desde o ano 2021, forma parte da directiva da nosa Comunidade de Propietarios.

Desde o pasado 30 de abril, o carballés José Ángel Vázquez Berdiñas é o novo presidente de FEGAPE. José Ángel, de 45 anos, é o director da empresa situada no noso polígono, Metalúrgica BB, e desde o ano 2021 é membro da xunta directiva da nosa Comunidade de Propietarios. Acompáñao no novo comité executivo de FEGAPE o noso xerente, Pablo Rodríguez, quen desempeñará o cargo de tesoureiro da entidade.

O pasado mércores 14 de abril tivo lugar no Centro Empresarial do Tambre (Santiago de Compostela) a primeira reunión do novo comité executivo, onde se definiron os obxectivos e prioridades que se marca a federación para os vindeiros catro anos. Entre eles destacan a mellora da conectividade e mobilidade dos parques empresariais galegos, a modernización das súas infraestruturas ou a seguridade.

FEGAPE foi a entidade protagonista nos últimos anos na defensa das áreas empresariais galegas. O seu papel foi determinante na aprobación da Lei de Áreas Empresariais, que supuxo un avance significativo na axilización de trámites urbanísticos, facilitou a implantación de novas empresas e apostou pola profesionalización da xestión dos parques industriais.

Completan o novo comité executivo:

  • Lucía López Teijeira da Comunidade de Propietarios do Pocomaco, vicepresidenta pola provincia da Coruña.

  • Adela Bouza Riobóo da Asoc. de Empresarios de O Ceao - As Gándaras, vicepresidenta pola provincia de Lugo.

  • José Antonio Rodríguez Araujo da Asoc. de Empresarios do Polígono de San Cibrao, vicepresidente pola provincia de Ourense.

  • Andrés Valiñas Rivas da Entidade de Conservación de Pemos, vicepresidente pola provincia de Pontevedra.

  • José Fernández Albores da Asoc. da Área Empresarial do Tambre, vogal.

  • Moisés Carballeira Fernández da Asoc. de Empresarios de Sete Pontes – Vilalba, vogal.

  • Benxamín Teixeiro Menéndez da Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal, vogal.

Impacto local

Desde a Comunidade de Propietarios do Polígono valórase esta presenza privilexiada en FEGAPE como un recoñecemento ao traballo realizado nos últimos anos na profesionalización da xestión da nosa área empresarial e ao crecente peso que o noso tecido empresarial está acadando a nivel autonómico. Tamén consideran que a nova presidencia de FEGAPE permitirá dar maior visibilidade a algúns dos retos do noso parque empresarial, como son a ampliación, a estrada de circunvalación ou a inclusión na Rede de Transporte Público de Galicia.

Outras novas

Todas as noticias relacionadas co Polígono de Carballo ou que poidan ser de interese para as empresas que o compoñen.