
No Proxecto de Orzamentos para a Comunidade Autónoma aprobado polo Consello da Xunta para 2026 destínanse 4.850.000 euros para a ampliación do polígono e 500.000 euros para a circunvalación de Carballo, que nos conectará directamente coas estradas de Ordes e Santiago.
O pasado luns, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgo, presentou no Parlamento autonómico o proxecto orzamentario para o próximo exercicio. Nel figuran estas dúas actuacións consideradas clave para o futuro desenvolvemento do polígono e para a mellora da súa integración no sistema viario comarcal.
Ampliación do polígono.
Os orzamentos autonómicos destinan 4,85 millóns de euros á ampliación do polígono, unha cifra coherente co estado actual da tramitación e cos prazos comprometidos o pasado mes de setembro pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, que situou o inicio das obras de urbanización en 2027.
O Plan Estruturante de Ordenación do Solo Empresarial (PEOSE) xa conta con aprobación definitiva e actualmente estanse a redactar os proxectos de urbanización, parcelación e expropiación. Esta intervención incrementará a superficie do polígono en 629.500 metros cadrados e suporá un investimento global estimado de 28,8 millóns de euros, consolidando Carballo como un dos principais polos industriais de Galicia.
Estrada de circunvalación.
Distinta valoración merece a partida destinada á estrada de circunvalación, que conectará o polígono directamente coas estradas de Ordes (AC-413) e Santiago (DP-1914). O orzamento para 2026 contempla unha dotación de 500.000 euros, unha cifra modesta en comparación coa previsión plurianual comprometida en 2023: 500.000 euros en 2023, 4 millóns en 2024, 10 millóns en 2025 e 8 millóns en 2026.
Aínda que o pasado mes de xullo se valorou positivamente a aprobación provisional do trazado e a notificación aos propietarios dos terreos afectados, a dotación prevista para o próximo exercicio resulta claramente insuficiente para avanzar ao ritmo desexado.
Esta vía é unha infraestrutura estratéxica para canalizar o tráfico pesado que xera o polígono cara ás comarcas de Ordes e Santiago, evitando o seu paso polo núcleo urbano de Carballo e reducindo así os riscos viarios en zonas escolares e deportivas. A propia Confederación de Empresarios de Galicia cualificouna como esencial para a vertebración interna do territorio galego.
Unha aposta clave para o futuro.
Desde a Comunidade de Propietarios do Polígono, valoramos positivamente a continuidade do compromiso orzamentario coa ampliación, pero reclamamos un maior esforzo investidor na circunvalación, imprescindible para mellorar a mobilidade, a seguridade viaria e a competitividade das empresas asentadas.
Ambas actuacións son fundamentais para consolidar o crecemento económico de Carballo e reforzar o papel do polígono como motor industrial e loxístico da Costa da Morte.