Novas: Xeral
Estás aquí: Inicio \ Novas \ Xeral
Presentación da nova web da nosa Bolsa de Emprego.

Presentación da nova web da nosa Bolsa de Emprego.

17 novembro, 2025 Xeral

O pasado venres presentamos a nova web e imaxe corporativa da Bolsa de Emprego do polígono, así como os novos contidos da web da nosa feira de emprego e formación, Sinerxías.

Nos últimos anos, o emprego converteuse nunha das liñas de traballo prioritarias da Comunidade de Propietarios do Polígono. Con este enfoque, deuse un paso máis creando unha web específica para a Bolsa de Emprego, cunha imaxe renovada e maiores funcionalidades, e recompilando nunha páxina web todos os contidos xerados en Sinerxías.

A apertura do evento estivo a cargo do noso xerente, quen deu a benvida e explicou as principais novidades da Bolsa de Emprego:

  • Maior facilidade para rexistrar ofertas e candidaturas.
  • Un deseño máis intuitivo.
  • Máis visibilidade para as empresas.
  • Un sistema máis claro e accesible para as persoas inscritas.

Presentou tamén a actualización de sinerxias.org, a plataforma dixital que centraliza toda a información de Sinerxías, a feira de emprego do polígono. Na web poden consultarse xa o programa, os expositores e todas as intervencións das dúas edicións celebradas.

 

A importancia crecente das competencias brandas.

A continuación, interviu Ignacio Abeal, director de Nascor Consultores, coa charla “O novo mapa do talento”.

Abeal destacou o papel decisivo que están a adquirir as competencias brandas nos procesos de selección —comunicación, traballo en equipo, adaptabilidade ou resolución de problemas— e subliñou que tanto as empresas como as persoas candidatas poden traballalas para mellorar a súa empregabilidade e os seus resultados.

 

O Concello de Carballo destaca o valor do proxecto.

O acto foi pechado por Daniel Barreiro, concelleiro de Deporte, Mocidade e Captación de Recursos Públicos do Concello de Carballo.

Barreiro valorou moi positivamente o labor que se está a realizar desde o polígono para achegar empresas, demandantes de emprego e centros de formación, reforzando un ecosistema local que facilita a incorporación de talento ás empresas.

O concelleiro lembrou, ademais, que a nova Bolsa de Emprego, a actualización de sinerxias.org e as dúas edicións de Sinerxías contaron co apoio e patrocinio do Concello de Carballo.

Outras novas

Todas as noticias relacionadas co Polígono de Carballo ou que poidan ser de interese para as empresas que o compoñen.