O Consello da Xunta deu luz verde de forma provisional ao proxecto de trazado da vía que conectará directamente o noso polígono coas estradas de Ordes (AC-413) e Santiago (DP-1914). A actuación será sometida nos próximos días a exposición pública.
O Consello da Xunta aprobou onte de forma provisional o proxecto de trazado da vía de circunvalación que conectará directamente o noso polígono coas estradas de Ordes (AC-413) e Santiago (DP-1914). A actuación, que suporá un investimento de máis de 22 millóns de euros, será sometida nos próximos días a información pública tanto a efectos administrativos como expropiatorios.
A aprobación provisional prodúcese despois de que o proxecto superase a fase de avaliación ambiental o pasado mes de abril, un trámite que se demorou case tres anos debido á afección arqueolóxica do trazado na contorna do Castro de Queixeiro.
A Xunta propón unha estrada cunha lonxitude total de 3,6 quilómetros e unha velocidade proxectada de 80 quilómetros por hora. A vía contará con dous carrís de 3,5 metros, arcenes interiores de 1,5 metros e bermas exteriores de 1 metro. As interseccións resolveranse mediante glorietas, nas que tamén se prevé a incorporación de beirarrúas interiores e exteriores para facilitar o tránsito peonil nos puntos de cruce. Ao longo do percorrido prevese a construción de varias estruturas destacadas, como un viaduto de 340 metros de lonxitude sobre o río Anllóns, dous pasos superiores e un paso inferior.
Expropiacións.
Esta actuación afectará un total de 182 parcelas situadas nas parroquias de Bértoa, Artes e Verdillo. Para dar comezo ao procedemento expropiatorio, a Xunta publicará o proxecto de trazado co anexo de expropiacións, abrindo un prazo dun mes para presentar alegacións por parte dos titulares dos terreos incluídos na actuación.
Unha vez superado o trámite de información pública e resoltas as posibles alegacións, a Xunta poderá proceder á aprobación definitiva do proxecto e á licitación das obras. A previsión é que, unha vez completada a fase administrativa, as actuacións arqueolóxicas se realicen como fase previa á execución do trazado. Será nese momento cando se definan os prazos correctos de inicio e finalización dos traballos.
Desde a Comunidade de Propietarios do Polígono valoran positivamente este paso, que consideran significativo na tramitación dunha infraestrutura imprescindíbel tendo en conta os actuais fluxos de tráfico que xera o polígono e o incremento dos mesmos que suporá a ampliación.