
Este luns, o Consello da Xunta de Galicia autorizou o inicio do Proxecto de Desenvolvemento Urbanístico da ampliación. A previsión é que no primeiro trimestre de 2026 supere a avaliación ambiental, permitindo licitar as obras co obxectivo de que poidan comezar a principios de 2027.
Os trámites administrativos vinculados á ampliación do polígono continúan avanzando. Tras acordarse no mes de setembro a aprobación definitiva do Plan Estruturante de Ordenación do Solo Empresarial (PEOSE), o Consello autorizou agora o inicio do Proxecto de Urbanización e Desenvolvemento Urbanístico, que será remitido á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático para someterse á avaliación de impacto ambiental.
Se se cumpren os prazos previstos, a autorización ambiental poderá obterse no primeiro trimestre de 2026.
O Proxecto de Urbanización e Desenvolvemento Urbanístico é o paso previo á licitación das obras de execución da ampliación. O obxectivo é licitar os traballos con marxe suficiente para que poidan comezar a principios de 2027. Unha vez iniciadas, o prazo estimado de execución será de 18 meses.
A mediados de decembro está prevista unha xornada informativa dirixida ás empresas interesadas en adquirir terreo nesta terceira fase do parque empresarial. Técnicos de Xestur explicarán os novos mecanismos e modelos de acceso ao solo, que inclúen a posibilidade de simultanear a construción das naves coas obras de urbanización.
Unha vez executada, a ampliación permitirá que o polígono alcance os 1,8 millóns de metros cadrados, situándose entre os máis importantes da provincia. A inversión prevista supera os 28 millóns de euros.