A proposta de Estatutos remitida pola Comunidade de Propietarios do Polígono foi aprobada cos votos afirmativos dos tres grupos con representación no pleno. A previsión é que o 1 de xaneiro xa estea operativa a nova entidade, sendo a primeira de Galicia.
O pasado 19 de febreiro a Xunta Xeral Extraordinaria de Propietarios do Polígono unha proposta de estatutos para constituír a Entidade de Conservación, Xestión e Modernización (ECOXEM) do Polígono de Carballo. As ECOXEM son a nova figura creada pola Lei 3/2022 de áreas empresariais de Galicia para a xestión de polígonos e áreas empresariais, sendo a de Carballo a primeira da comunidade autónoma en iniciar os trámites de constitución.
Estes trámites veñen estipulados polo artigo 85 da Lei e requiren a aprobación polo pleno municipal dos mencionados Estatutos. Polo que este luns 26 de maio o pleno municipal do Concello someteunos a votación, sendo aprobados co voto afirmativo dos tres grupos políticos con representación no mesmo (35:50 a 42:18).
Desde a Comunidade de Propietarios valoran moi positivamente este paso e consideran que é un recoñecemento ao traballo realizado nos últimos anos que transformou ao polígono nun axente crave para o desenvolvemento económico e social de Carballo e o conxunto da comarca.
Os seguintes pasos no proceso de creación da ECOXEM do Polígono de Carballo serán a constitución formal da entidade en escritura pública ou documento protocolizado notarialmente no contexto dunha nova Xunta Xeral Extraordinaria de Propietarios e unha nova autorización, esta vez definitiva, do Concello.
O obxectivo que se fixa a Comunidade de Propietarios do Polígono é celebrar esa Xunta Xeral de Propietarios a finais de setembro ou principios de outubro e que a ECOXEM este operativa o 1 de xaneiro de 2026.
A nova entidade responsable da xestión do polígono, non supoñerá un incremento das cotas que veñen pagando os propietarios do parque empresarial, pero permitirá acceder a novas fontes de financiamento e poñer en marcha e xestionar novos servizos de valor para as empresas e usuarios do polígono.