Novas: Xeral
Estás aquí: Inicio \ Novas \ Xeral
Constituída a primeira ECOXEM de Galicia.

Constituída a primeira ECOXEM de Galicia.

02 outubro, 2025 Xeral

Os propietarios do polígono ratificaron os Estatutos e aprobaron a constitución formal da primeira Entidade de Conservación, Xestión e Modernización (ECOXEM) de Galicia. A nova entidade asumirá a xestión do polígono o 1 de xaneiro de 2026.

Finalmente, non houbo sorpresas e a Asemblea Xeral de Propietarios, celebrada onte 1 de outubro, ratificou os Estatutos e aprobou a constitución formal da Entidade de Conservación, Xestión e Modernización (ECOXEM) do polígono.

Na reunión participaron, de forma presencial ou representada, propietarios que sumaban o 62% da superficie total do parque empresarial, que apoiaron por unanimidade a creación da nova entidade.

Aínda que a ECOXEM xa quedou formalmente constituída, o seu funcionamento efectivo non comezará ata o 1 de xaneiro de 2026. Durante os vindeiros meses realizaranse os trámites administrativos, bancarios e fiscais necesarios para que a entidade estea plenamente operativa e en condicións de asumir a xestión do parque empresarial a comezos de ano.

Na Asemblea tamén se explicou que a Comunidade de Propietarios do Polígono deixará de funcionar o 31 de decembro, se ben seguirá existindo de forma residual ata a resolución dos procesos xudiciais de reclamación de cotas aínda pendentes. Os importes recuperados nestes procedementos corresponderán á Comunidade e, unha vez cobrados, será a Xunta Xeral quen decida o seu destino antes de proceder á liquidación definitiva da mesma.

Durante a sesión elixiuse a Xunta de Goberno da ECOXEM, que queda composta do seguinte xeito:

Presidenta: Raquel Rodríguez Hernández (Placasa)

Vicepresidente: José Ángel Vázquez Berdiñas (Metalúrxica BB)

Secretaria: Cristina Velo Facal (Savelo)

Tesoureiro:osé Martínez Rega J (Horbesa)

Vogal 1: Juan Carlos Rodríguez Cancela (Bodegas Carballo)

Vogal 2: Estrella Mariño Fuentes (Aluminios Bergantiños)

Vogal 3: Ana Pensado Bardanca (Disboa)

Vogal 4: Ángel Vázquez Reino (Vázquez e Reino)

Vogal 5: Mario González Cancela (Jocar)

Representante municipal: Luis Lamas Álvarez

 

A primeira ECOXEM de Galicia

As ECOXEM son unha figura creada pola Lei 3/2022 de Áreas Empresariais de Galicia para a xestión de polígonos e parques empresariais. Nacen para cubrir o baleiro legal existente ata agora, xa que a xestión viña realizándose a través de comunidades de propietarios, asociacións empresariais ou entidades urbanísticas de conservación, estruturas que non estaban deseñadas para unha realidade tan complexa como a dun polígono industrial e que provocaban problemas no día a día.

As ECOXEM contan con personalidade xurídica propia, teñen a consideración de entidade de dereito público sen ánimo de lucro e a pertenza a elas é obrigatoria para todos os propietarios. Estas características permiten acceder de forma directa a novas fontes de financiamento público e privado, orientadas a mellorar os servizos e equipamentos existentes ou a poñer en marcha outros novos. Ao mesmo tempo, o seu carácter de entidade de dereito público outórgalles a capacidade de xestionar infraestruturas e servizos comúns do polígono con todas as garantías xurídicas.

O noso foi o primeiro polígono de Galicia en constituír unha ECOXEM, e xa son varios os parques empresariais e concellos que manifestaron o seu interese nesta experiencia. Un paso que nos enorgullece e que nos sitúa como referente na boa xestión empresarial no ámbito autonómico.

Adxuntos:
Outras novas

Todas as noticias relacionadas co Polígono de Carballo ou que poidan ser de interese para as empresas que o compoñen.