Novas: Xeral
Estás aquí: Inicio \ Novas \ Xeral
Aberta a primeira fase do vial de conexión coa Avenida de Razo.

Aberta a primeira fase do vial de conexión coa Avenida de Razo.

24 septembro, 2025 Xeral

Esta mañá púxose en servizo a primeira fase do novo vial que conectará o polígono coa Avenida de Razo, á altura do Centro Comercial Bergantiños. Este primeiro tramo transcorre ata cala Médico Xusto Martínez.

O tramo inaugurado discorre entre a rotonda sur de acceso ao polígono e a rúa Médico Justo Martínez. A segunda e definitiva fase, que unirá directamente coa Avenida de Razo, está pendente da finalización do proceso expropiatorio dos terreos afectados, actualmente na súa fase final.

A apertura deste vial, especialmente cando estea completado, suporá un alivio significativo das conxestións de tráfico que se rexistran nas horas punta de entrada e saída dos traballadores do polígono, reducindo a presión sobre a rúa Isaac Albéniz e o acceso ao núcleo urbano de Carballo pola AC-552.

Esta actuación súmase á futura estrada de circunvalación, que conectará o polígono coas estradas de Ordes (AC-413) e Santiago (DP-1914). Ambas infraestruturas foron unha reivindicación histórica da Comunidade de Propietarios do Polígono, co obxectivo de mellorar a mobilidade interna e externa da zona e de minimizar o impacto da importante frota de vehículos vinculada á súa actividade —máis de 400 pesados e 600 lixeiros— na circulación do núcleo urbano de Carballo.

Cómpre sinalar que este primeiro tramo do vial conta cunha limitación temporal de uso: unicamente poderán circular vehículos de ata 5,5 toneladas, xa que a rúa Médico Justo Martínez non soporta tráfico de maior peso. Unha vez finalizada a segunda fase e completada a conexión coa Avenida de Razo, permitirase a circulación de vehículos de tonelaxe superior.

Outras novas

Todas as noticias relacionadas co Polígono de Carballo ou que poidan ser de interese para as empresas que o compoñen.