Novas: Xeral
Estás aquí: Inicio \ Novas \ Xeral
A constitución da ECOXEM do polígono entra na súa fase final.

A constitución da ECOXEM do polígono entra na súa fase final.

24 xullo, 2025 Xeral

O próximo 1 de outubro terá lugar no Centro Social de Bértoa unha Xunta Xeral Extraordinaria de Propietarios para ratificar os Estatutos e proceder á constitución forma do a Entidade de Conservación, Xestión e Modernización do Polígono de Carballo.

O proceso de constitución da Entidade de Conservación, Xestión e Modernización (ECOXEM) do Polígono de Carballo achégase á súa culminación. O pasado martes 8 de xullo, a Xunta Directiva da Comunidade de Propietarios acordou a data para a celebración da Xunta Xeral Extraordinaria de Propietarios, que terá lugar o mércores 1 de outubro. Nesa sesión someteranse a votación os Estatutos polos que se rexerá a nova entidade, avanzando así cara á súa constitución formal.

O camiño cara á ECOXEM comezou o 19 de febreiro, cando a Xunta Xeral de Propietarios aprobou unha proposta de Estatutos que foi posteriormente remitida ao Concello de Carballo. O 26 de maio, o Pleno do Concello aprobou o texto co respaldo unánime dos tres grupos políticos municipais, o que supuxo un paso clave no desenvolvemento do proceso.

Durante a Xunta Xeral do vindeiro 1 de outubro, os propietarios do polígono non só deberán ratificar os Estatutos, senón tamén formalizar a constitución da entidade e elixir os membros da futura Xunta de Goberno. Aínda que a ECOXEM quedará constituída nese momento, deberá aínda superar unha serie de trámites administrativos. Por iso, a actual Xunta Directiva fixou como horizonte para o inicio efectivo do seu funcionamento o 1 de xaneiro de 2026.

As Entidades de Conservación, Xestión e Modernización son unha figura xurídica creada pola Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia. O seu obxectivo é profesionalizar a xestión dos parques empresariais, sen que iso implique un incremento das cotas para os propietarios. A súa estrutura de funcionamento será moi similar á da actual Comunidade de Propietarios: unha Xunta Xeral anual, unha Xunta Directiva operativa e, como novidade, a incorporación dun representante do Concello con voz, pero sen voto.

A principal vantaxe desta nova fórmula é que abre a porta a novas fontes de financiamento público e privado, ademais de facilitar a xestión directa de servizos e proxectos de mellora para a área empresarial.

Desde a Comunidade de Propietarios valoran moi positivamente o interese que espertou esta iniciativa. A do Polígono de Carballo podería converterse na primeira ECOXEM constituída en Galicia, e xa foron varios os parques empresariais e concellos que se puxeron en contacto para coñecer os detalles do proceso.

O equipo directivo actual considera que esta evolución é coherente co desenvolvemento que viviu o polígono nos últimos anos, tanto en termos de crecemento empresarial, emprego e facturación, como en calidade da xestión e modelo organizativo, o que o converteu nun referente autonómico.

 

Outras novas

Todas as noticias relacionadas co Polígono de Carballo ou que poidan ser de interese para as empresas que o compoñen.