Novas: Xeral
Estás aquí: Inicio \ Novas \ Xeral
A Comunidade de Propietarios urxe ao Concello o peche nocturno do polígono.

A Comunidade de Propietarios urxe ao Concello o peche nocturno do polígono.

04 marzo, 2019 Xeral

Nas últimas semanas viñéronse producindo numerosos roubos de combustible en vehículos pesados estacionados en viarios e parcelas do polígono, o que está a xerar un crecente malestar entre as empresas.

O último episodio sucedeu na madrugada do pasado sábado, en que o descubrimento in fraganti por parte da Policía Local de Carballo de dous individuos nas inmediacións dos camións da empresa Rama, derivou nunha aparatosa persecución polos viarios do polígono e pola autoestrada AG-55. Persecución con evidente risco para a integridade física dos implicados, como de posibles usuarios destas vías.

Desde a Comunidade de Propietario do Polígono presentouse por rexistro unha solicitude formal na que se insta ao Concello de Carballo a autorizar o peche nocturno do polígono. Esta medida xa recibiu o visto e prace da Subdelegación do Goberno e de  Xestur, polo que só está pendente que o  Concello formalice a autorización definitiva.

Por outra banda desde a Comunidade de Propietarios, tamén se solicitou que o Concello asuma o servizo de vídeo vixilancia que no seu momento instalou a organización empresarial en varias rúas e nos accesos do polígono, e que na actualidade atópase inoperativo ao non poder facerse cargo a Comunidade de Propietarios deste servizos, por ser os viarios de titularidade pública.

Desde a Comunidade de Propietarios considérase que adoptando estas dúas medidas aumentaría considerablemente a seguridade do polígono, facilitaríase o traballo da Policía Local e da Garda Civil e evitaríanse situacións como as deste pasado sábado.

Recoñecemento ao traballo da Policía Local e da Garda Civil.

Desde o colectivo empresarial quérese expresar o recoñecemento ao traballo que realiza tanto a Policía Local como a Garda Civil, no mantemento da seguridade do polígono.

Outras novas

Todas as noticias relacionadas co Polígono de Carballo ou que poidan ser de interese para as empresas que o compoñen.