Este vial que conectará directamente o noso polígono coas estradas de Ordes (AC-413) e Santiago (DP-1914), despois de tres anos, supera a fase de avaliación ambiental. Os seguintes pasos serán a exposición pública do proxecto expropiatorio e aprobación definitiva do trazado.
Finalmente, o proxecto da circunvalación de Carballo que unirá a nosa área empresarial coas estradas de Ordes (AC-413) e Santiago (DP-1914) supera a fase de avaliación ambiental simplificada. A Direción Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade resolve que non son previsibles efectos adversos significativos sobre o medio ambiente e, por tanto, non se considera necesario someter o proxecto a avaliación ambiental ordinaria, dándose por concluída a fase de tramitación ambiental.
O proceso iniciábase fai tres anos, cando en xuño de 2022, a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) solicitaba o inicio do trámite de avaliación ambiental acompañado do pertinente documento ambiental do proxecto.
O proxecto tivo que ser valorado por 6 departamentos da propia Xunta de Galicia, polo Concello de Carballo e pola Deputación da Coruña. Todos estes organismos informárono positivamente, aínda que trasladan unha serie de recomendacións que o informe de impacto ambiental inclúe como condicións ambientais de obrigado cumprimento.
Características da vía.
Esta vía terá unha velocidade máxima de 80 km/h e calzada única que terá, como mínimo, un carril por sentido. A estrada divídese en dous tramos: o primeiro, cunha lonxitude de 2,8 Km iníciase nunha nova glorieta situada na AC-413 e discorre dirección NE, finalizando na glorieta existente na AC-552. O segundo tramo, de 0,8 Km, iníciase na DP-1914 e finaliza nunha nova glorieta na AC-413. Desde un punto de vista técnico, o proxecto inclúe un viaduto, dous pasos superiores, un paso inferior e un muro de contención de dique.
Seguintes pasos e valoración.
Os seguintes pasos no proceso de tramitación será a exposición pública do proxecto de expropiación e a aprobación definitiva do proxecto de trazado.
A pesar de que esta fase de avaliación ambiental tardase tres anos en superarse e chegue con case 10 meses de atraso con respecto ao comprometido polo director xeral da AXI nunha comparecencia no Parlamento de Galicia en xuño de 2024, desde a Comunidade de Propietarios valoran positivamente a noticia, aínda que insisten en que se deben acelerar os trámites de execución dunha infraestrutura que non pode esperar máis tempo. Reiteran que non é sostible que o fluxo de vehículos convencionais e pesados que xera un polígono das dimensións do de Carballo véxase forzado a transitar polo núcleo urbana para dirixirse a dúas comarcas coas que se mantén unha importante relación comercial como son as de Ordes e Santiago.
Desde a Comunidade de Propietarios tamén lembran que a importancia desta infraestrutura transcende o ámbito local e que foi declarada como unha infraestrutura crave para a vertebración interna de Galicia por parte da Confederación de Empresarios de Galicia.