A ECOXEM do Polígono de Carballo representa un modelo pioneiro de xestión empresarial en Galicia. O noso parque empresarial foi un dos primeiros da comunidade autónoma nacidos froito da iniciativa privada, impulsado a mediados dos anos 70 por un grupo de empresarios de Carballo agrupados na daquela Asociación Sindical de Empresarios de Carballo (ASEMCAR). Aquel proxecto fíxose realidade o 7 de xullo de 1990 coa inauguración oficial do Polígono de Carballo.
Durante máis de tres décadas, a xestión e representación da área empresarial foi asumida pola Comunidade de Propietarios do Polígono. O 1 de xaneiro de 2026 esta estrutura evolucionou coa entrada en funcionamento da ECOXEM (Entidade de Conservación, Xestión e Modernización), converténdose na primeira ECOXEM constituída en Galicia ao abeiro da nova Lei de Áreas Empresariais de Galicia.
A ECOXEM nace co obxectivo de reforzar a xestión integral do parque empresarial, mellorar a interlocución coas administracións públicas e impulsar novos servizos e iniciativas relacionadas coa mobilidade, sustentabilidade, dixitalización, formación e mellora de infraestruturas para as máis de 230 empresas implantadas no polígono.
O Polígono de Carballo forma parte ademais da Federación Galega de Parques Empresariais (FEGAPE) e mantén unha estreita colaboración con distintas entidades e institucións. Entre elas destaca a Cámara de Comercio da Coruña, que elixiu o parque empresarial para situar o seu Viveiro de Empresas.