Novas: Xeral
Estás aquí: Inicio \ Novas \ Xeral
O trazado da circunvalación recibe a aprobación definitiva.

O trazado da circunvalación recibe a aprobación definitiva.

26 xuño, 2026 Xeral

A aprobación definitiva do trazado do vial de circunvalación supón un novo impulso a unha das infraestruturas máis demandadas polo tecido empresarial do polígono. Este trámite leva aparellada a declaración de utilidade pública da actuación e permitirá avanzar na redacción do proxecto construtivo, paso previo á licitación e ao comezo das obras.

O pasado martes, o Consello da Xunta aprobou definitivamente o proxecto de trazado da primeira fase da circunvalación de Carballo, que conectará directamente o polígono coas estradas de Ordes (AC-413) e Santiago (DP-1914), mellorando de forma significativa a accesibilidade ao parque empresarial.

O proxecto contempla a construción dunha estrada de 3,6 quilómetros de lonxitude, deseñada para unha velocidade de 80 km/h. Dispoñerá de dous carrís de 3,5 metros, beiravías interiores de 1,5 metros e bermas exteriores dun metro. As interseccións resolveranse mediante glorietas, que incorporarán itinerarios peonís, e o trazado incluirá varias estruturas singulares, entre elas un viaduto de 340 metros sobre o río Anllóns, alén de dous pasos superiores e un paso inferior.

Trátase dunha infraestrutura estratéxica non só para a mobilidade do polígono, senón tamén para a vertebración das comarcas de Bergantiños, Ordes e Santiago. O investimento previsto supera os 22 millóns de euros.

Desde a ECOXEM do polígono valórase positivamente este novo avance, xa que a futura circunvalación permitirá mellorar a competitividade das empresas do parque, reducindo os tempos de desprazamento, facilitando unha conexión máis directa cos principais eixos viarios e diminuíndo o tráfico pesado que actualmente atravesa o núcleo urbano de Carballo.

A aprobación definitiva do trazado coincide ademais co avance da ampliación do polígono, dúas actuacións complementarias e necesarias para garantir que o crecemento da área empresarial vaia acompañado dunhas infraestruturas viarias capaces de absorber o incremento da actividade económica e do tráfico asociado.

Próximo paso: a intervención arqueolóxica.

Antes do inicio das obras será necesario executar a intervención arqueolóxica prevista na contorna do Castro de Queixeiro, xa que unha parte do trazado discorre pola súa área de protección. Estes traballos, que serán executados pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, permitirán determinar a posible existencia de restos arqueolóxicos e, no seu caso, definir as medidas de protección que deban adoptarse antes do comezo da execución da infraestrutura.

Outras novas

Todas as noticias relacionadas co Polígono de Carballo ou que poidan ser de interese para as empresas que o compoñen.