Novas: Xeral
Estás aquí: Inicio \ Novas \ Xeral
Falece Antonio Gómez Caamaño, expresidente da Comunidade de Propietarios.

Falece Antonio Gómez Caamaño, expresidente da Comunidade de Propietarios.

04 septembro, 2026 Xeral

Antonio Gómez Caamaño faleceu o pasado 18 de agosto aos 79 anos. Presidente da Comunidade de Propietarios do Polígono entre 2013 e 2022, o seu mandato estivo marcado por importantes avances na profesionalización e consolidación da xestión do parque empresarial.

Durante os seus nove anos á fronte da Comunidade de Propietarios acadáronse algúns fitos fundamentais na evolución do Polígono de Carballo. Entre eles, a profesionalización da xestión, coa contratación dun xerente en 2018; a cesión por parte do Concello de Carballo das instalacións do Centro de Promoción Económica en 2021; e, ese mesmo ano, a aprobación pola Xunta Xeral de Propietarios da integración das dúas fases do polígono nunha única entidade de xestión.

A súa etapa como presidente coincidiu tamén co impulso de dous proxectos estratéxicos chamados a marcar o futuro da área empresarial e de Carballo no seu conxunto. En decembro de 2019, durante a visita ao polígono da daquela conselleira Ethel Vázquez, confirmouse que a futura estrada de circunvalación partiría do propio parque empresarial. Así mesmo, en maio de 2021 iniciáronse os trámites administrativos vinculados á ampliación do Polígono de Carballo.

A vinculación de Antonio Gómez Caamaño co polígono ía, ademais, moito máis alá da súa etapa como presidente. No ano 2000 instalouse no parque empresarial a empresa de carpintería que dirixía xunto co seu irmán, dando continuidade a un negocio que ambos puxeran en marcha na década dos noventa.

Antonio era unha persoa discreta, próxima e moi querida no polígono, e o seu falecemento causou un profundo pesar entre aqueles que compartiron con el tantos anos de actividade empresarial e de traballo pola mellora do parque.

A súa contribución forma parte da historia recente do Polígono de Carballo e deixa unha pegada que permanecerá no tempo.

Outras novas

Todas as noticias relacionadas co Polígono de Carballo ou que poidan ser de interese para as empresas que o compoñen.